tienda

De temperaturas, medicións e poéticas galegas contemporáneas

Fecha:
17/07/2017

A saída ao prelo dunha antoloxía é, sempre, un motivo de celebración polo que ten de volume artesanal e de aposta por achegar o lectorado a unha escolma de autoras e autores aos que, quizais, non terían chegado se non fose a través desta vía. Por esta razón, e outras moitas, cómpre celebrar este Punto de ebullición: Antología de la poesía contemporánea en gallego que a poeta Miriam Reyes (Ourense, 1974) ofrece a lectoras e lectores hispanofalantes, un volume que sae ao prelo no 2015 grazas ao Fondo de Cultura Económica e que recolle un total de quince voces senlleiras do panorama poético galego.

Reyes artella un espazo onde presentar as biobibliografías e as traducións ao castelán, da súa autoría, dunha selección de poemas de Xosé María Álvarez Cáccamo, Chus Pato, Pilar Pallarés, Manuel Rivas, Lois Pereiro, Antón Lopo, Xela Arias, Ana Romaní, Manuel Outeiriño, Xabier Cordal, Olga Novo, María do Cebreiro, Yolanda Castaño, Olalla Cociña e Daniel Salgado. Tal e como advirte Reyes no limiar, os criterios a partir dos cales se constrúe o volume —«autores nacidos a partir de 1950 e con alomenos dúas obras publicadas»— poden excluír, e de feito exclúen, voces novas e interesantes. Non obstante, malia ao «son todas as que están, mais non están todas as que son», consubstancial ás antoloxías, valoramos o volume como mapa altamente certeiro dalgunhas das achegas máis sobranceiras da poesía galega contemporánea ata o presente, cuxa lectura de seguro chamará o lectorado a continuar co seu mergullamento neste eido.

Subliña Reyes que esta antoloxía «más que una carta de presentación [...] quiere ser una oportunidad de placer y aprendizaje» (p. 23) e así o demostra ao escoller quince propostas poéticas ben diferenciadas nas que se atopan desde voces consagradas como Cáccamo, Rivas ou Pallarés ata voces máis novas como Cociña e Salgado. Percíbese, pois, unha vontade de fotografía panorámica e de campo amplo, que dea conta da importancia do xénero no sistema literario galego e da súa boa saúde na actualidade malia a, coma sempre é apuntado pola crítica, o discreto do seu alcance e público potencial, en comparación con outros xéneros.

O estudo preliminar de Reyes ofrece de xeito sintético un completo achegamento crítico ás diferentes realidades existentes arredor da poesía galega contemporánea —«1976, sube la temperatura», «Focos de calor I. Grupos y publicaciones colectivas», «Focos de calor II. Penélope también navega», «Focos de calor III. No solo en el papel vive el texto», «Antologías de la ebullición», «Punto de ebullición»—. Resúltannos de especial interese o apartado que Reyes adica á poesía galega de autoría feminina cuxo título fai referencia ao poema de Xohana Torres «Eu tamén navegar» —onde a mítica Penélope pensa para si mesma un papel activo na historia— reivindicado como lema e bandeira polas poetas e escritoras galegas ata o día de hoxe. Asemade, Reyes centra, moi acertadamente, o epígrafe «No solo en el papel vive el texto» para introducir o protagonismo adquirido polas dinámicas poéticas que transcenden o libro. A través desta fiestra, o lectorado poderá achegarse, por exemplo, a diversos proxectos actuais tales como a videopoesía de Yolanda Castaño, a performance de Antón Lopo, a performance musical de Aldaolado e O Leo ou os experimentos cibernéticos de Estíbaliz Espinosa.

Con este volume Reyes vén a aumentar o número do que ela denomina, no penúltimo epígrafe do limiar, «antologías de la ebullición». Punto de ebullición sitúase, máis concretamente, ao ronsel de antoloxías bilingües (galego-español) como Novas de poesía_17 poetas, saída ao prelo no 2014 grazas á Fundación Uxío Novoneyra e artellada pola poeta catalá Ana Gorría. A publicación da antoloxía de Reyes no Fondo de Cultura Económica garante a difusión dos versos galegos entre un lectorado amplo que, de seguro, agradecerá pontes coma esta cara ás nosas letras actuais.

Os acertos de Reyes na confección do volume teñen que ver coa variedade de autoras e autores antologados, escollidos todos eles por axudar a dilatar o panorama poético galego, abríndoo a novos diálogos ao tempo que o fornece de numerosos (contra)discursos. Asemade, grazas a esta antoloxía, garántese a difusión de poéticas irrepetíbeis ás que, desde o noso punto de vista, sempre cómpre volver, tales como as de Lois Pereiro, homenaxeado no Día das Letras Galegas 2011, e Xela Arias, candidata a esta celebración do «dezasete de maio».

Aínda máis, percíbese neste volume o coidado que Reyes pon na selección dos textos coa vontade de rexistrar a evolución de cada un dos proxectos poéticos antologados amosando composicións tanto dos primeiros coma dos últimos poemarios. Por este motivo, a antoloxía garante o acceso a senlleiros e interesantes títulos de recente publicación como Cráter de Olga Novo (Toxosoutos, 2011), Carne de Leviatán de Chus Pato (Galaxia, 2013), A segunda lingua de Yolanda Castaño (Fundación NovaCaixaGalicia, 2014) ou Os inocentes de María do Cebreiro (Galaxia, 2014), entre outros.

Punto de ebullición abre xanelas a unha produción poética periférica que, no canto de presentarse feble ou conformista, aproveita este posicionamento para construírse como exemplo de experimentación, transgresión e inconformismo. Esta antoloxía converterase, sen dúbida, nun volume de referencia dirixido a que as lectoras e os lectores comproben por si mesmos a calidade dun corpus de poesía contemporánea vehiculado nunha lingua minorizada que, en palabras de Reyes, resulta «equiparable al de lenguas completamente normalizadas» (p. 18) en termos de experimentación e tratamento da linguaxe poética. En definitiva, achegas coma esta convértense en «mapas de calor» onde a poesía do noroeste aparece destacada con cores intensas para que non se esquezan nin xeografías nin protagonistas.

Fuente:
http://revistes.ub.edu/index.php/Abriu/article/view/19256/21686#.WW0E-C1FP7w


Acerca del autor:
Antía Marante Arias
Abriu

Acerca del libro:
Punto de ebullición
Miriam Reyes